“Os viños de Betanzos saben a mar”

“Estamos nunha zona histórica moi importante, cunhas variedades únicas, como o branco lexítimo, agudelo, merenzao… Temos un terroir único, en ladeiras cunha mineralidade incrible, á beira do río influenciado polas mareas, que chegan ata os viñedos: nótase cando probas os viños de Betanzos que saben a mar. Os críticos respectan e valoran os viños de Betanzos”, destaca Luís Sande, da bodega Pagos de Brigante.

Sande lamenta por outra parte a pequena capacidade de produción que ten a IXP na actualidade. Nese sentido, a estratexia actual pasa por plantar paseniño e ampliar a superficie de viñedo. Así, un dos proxectos estrela da súa adega é unha ambiciosa plantación en Paderne, non moi lonxe dos Caneiros, froito dun amplo esforzo para facérense con ata un cento de fincas de distintos propietarios e onde na actualidade teñen xa dúas hectáreas plantadas.

Na súa colleita máis recente, Pagos de Brigante apostou por facer unicamente un viño branco e outro tinto, mesturando en cada caso as múltiples variedades de uva que posúen. Na opinión de Luís Sande isto levounos a conseguir un viño de máis calidade que con anteriores monovarietais.

O responsable de Pagos de Brigante chama a atención tamén sobre dous paradoxos comerciais cos que se atopan. En primeiro lugar a ironía de ser no propio Betanzos comparativamente onde menos comercializan os seus viños. E por outro lado, a dificultade de comercializar algúns dos seus viños máis premiados e valorados por críticos como Parker, Padín ou Peñín. Un obstáculo que atribúen á falta de notoriedade que aínda acusa a IXP betanceira e que pon en desvantaxe aos viños da zona con respecto a outros viños de prezos similares doutras áreas xeográficas.

Política de cookies || Política de privacidade