Adegas Bordel premiada na XVII edición de Bacelos de Prata

O pasado 5 de outubro tivo lugar en Esposende, en Ribadavia, o acto de entrega da XVII edición dos Premios Bacelos de Prata. Estes premios recoñecen o labor de empresas, entidades ou persoas exemplares no seu compromiso coa lingua galega. Nesta edición 2025, os recoñecementos foron para Adegas Bordel e Embutidos Lalinense.

Adegas Bordel, con sede en Abegondo, e fundada en 2010 por Xosé Antonio Meixide Fernández, foi así recoñecida pola súa aposta no uso do galego no etiquetado e publicidade. Os Bacelos de Prata son organizados pola Asociación Álvaro das Casas.

A acta do xurado di así sobre o traballo de Adegas Bordel:

“ADEGAS BORDEL, adega familiar situada en Sarandóns, Abegondo (A Coruña), integrada na IXP Viño da Terra de Betanzos, que no ano 2006 iniciou un proxecto de recuperación vitivinícola nesta comarca histórica culminado en 2018 coa creación da súa propia adega recuperando castes autóctonas como o Branco Lexítimo e o Agudelo e que xunto coas Mencía, Brancellao e Merenzao, elabora viños de recoñecida calidade como Bordelar, Xeixedo e Bordelar Tinto, contribuíndo a devolver prestixio a unha zona que estivera practicamente desaparecida trala filoxera. Desde o inicio da andaina mantén un compromiso coa lingua galega en toda a actividade empresarial: o etiquetado, a facturación, a rotulación das instalacións e a promoción dos seus produtos realizándoa integramente en galego. Salienta o xurado que esta aposta polo noso idioma contribúe activamente ao seu prestixio social e á normalización como lingua de consumo facendo que chegue con naturalidade aos consumidores e consumidoras”.

Política de cookies || Política de privacidade