“A nosa adega é das primeiras, se non a única, de máxima eficiencia enerxética en Galicia”

En Boqueixón aténdemos Nieves Millán, promotora do proxecto Enoturismo María Manuela.

Quen e cando funda a adega María Manuela?

Eu, Nieves Millán, e mais o meu marido. Tras a segunda plantación de 2017.

Como chegaches ao mundo do viño?

A herdanza do terreo de meus pais levounos, a meu marido e mais eu, a entrar neste mundo do viño en expansión. Eu levaba 38 anos á fronte da Libraría Palacios, en Santiago de Compostela, e a medida que foi medrando este proxecto tomei a decisión de centrarme nel.

Lembras a túa primeira vendima?

A miña primeira vendima, realmente, foi o ano pasado, porque sempre me coincidía a época de vendima coa época de maior actividade na libraría, co inicio do curso escolar.

Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e os viños?

Meus pais eran gandeiros, pero tamén facían algo de viño para a casa. Lembro de cando cativa de pisar a uva no lagar, do bagazo…

De que áreas concretas veñen as vosas uvas?

Todas de Pousada.

Con que variedades de uva traballades?

Albariño.

Que pensas que diferencia a túa bodega, os teus viños, doutros?

É das primeiras, se non a única, de máxima eficiencia enerxética en Galicia. Feita de formigón e madeira, consegue que non haxa variación de temperatura de máis de 1ºC ou 2ºC entre o inverno e o verán. E o noso albariño faise nas nosas propias lías.

Como foi a evolución da bodega ao longo do tempo?

Todo o que temos é novo: maquinaria, barrís…

Onde vendedes principalmente a vosa produción?

En locais de restauración con Estrela Michelín e en tendas delicatessen da Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ferrol… Tamén en Salamanca, Madrid, Segovia.

Queres recomendarnos algunha maridaxe especial dalgún dos teus viños?

Usamos lévedos neutros, madeiras… polo que unha parella pode beber unha botella do noso viño para cear e non lle vai dar dor de cabeza. A chave está en que todo o que usamos é natural. O “María Manuela” dá 13,5º de gradación natural, e iso nótase. A anada de 2023 ten 13 meses en barrica.

Como vedes o futuro? Algún reto concreto no horizonte?

Con moito optimismo, e co obxectivo de facer viños que contribúan á calidade que hai en Galicia.

Política de cookies || Política de privacidade