“Necesitamos que nos coñezan para que a sociedade comprenda e valore o prezo dos viños”

“Estamos nisto porque nos gusta e consideramos que estamos no camiño correcto”, expresa con humildade Xosé Antonio Meixide Fernández. Na súa opinión, malia a complexidade para proxectos moi pequenos de soster unha marca de calidade, confía no obxectivo de ir pouco a pouco gañando “confianza e espazo” no sector.

O propietario de Adegas Bordel aposta porque o viño de Betanzos “sexa símbolo na comarca”. Destaca tamén a importancia do impulso da administración para que os viños da IXP cheguen a un espectro de poboación máis amplo: “Necesitamos que nos coñezan. Se a sociedade nos coñece e comprende o noso traballo, vai saber mellor o por que do prezo que paga polo viño”.

A estratexia de Adegas Bordel, “sen capacidade para innovacións tecnolóxicas” céntrase en conseguir “a mellor materia prima”. E salienta a capacidade da IXP para conseguir brancos extraordinarios: “Se ben a uva, o branco lexítimo, pode atoparse en moitas outras zonas, segundo onde estea compórtase de xeito moi diferente. E é unha caste moi ben adaptada a condicións agroclimáticas como as nosas. E as características da nosa zona fana única”.

Política de cookies || Política de privacidade