Nace Avibe, “Asociación de Viñeróns de Betanzos”

Este martes 18 de novembro preséntase na Fundación Juana de Vega, en Oleiros, “Avibe – Asociación de Viñerons de Betanzos”.
Na convocatoria para o seu evento fundacional, din así:
“Detrás dun gran viño hai unhas cepas e unha terra que fala, que fala do seu legado, das súas pedras, dos seus aromas e das súas xentes.
As terras da IXP de Betanzos hoxe falan e din que precisan que se poña en valor e se enxalce o seu patrimonio vitivinícola. Din que están cansas de anos de abandono e complexos. Os esquistos fálannos de hectáreas de vides, produción e cepas antigas. As cepas cóntannos de uvas lexítimas e doutros acios únicos e singulares.
Pero só uns poucos cren, traballan e soñan coa elaboración innovadora de viños de excelencia e orixe. Viños respectuosos co seu territorio e o seu medio ambiente, coas súas xentes e o seu patrimonio.
As terras de Betanzos necesitan viñeróns (do francés «vigneron»), artesáns que controlan os procesos de elaboración do viño, pero sobre todo, os traballos na viña.
As viñas e cepas de Betanzos necesitan adegas que crean no enorme potencial das súas uvas e das súas viñas.
Os viñeróns de Betanzos necesitamos do apoio de colectivos, administración, concellos, empresas, viñateiros e toda persoa amante da viticultura e a natureza.
Por todo isto nace hoxe Avibe, Asociación de Viñeróns de Betanzos (IXP), co obxectivo principal de recuperar a nosa identidade vitivinícola e poñela no lugar que se merece.
Se ti tamén cres coma nós que podemos facer os mellores viños, Avibe convócate ao seu acto fundacional o próximo martes 18 de novembro de 2025 ás 17:30, na sede da Fundación Juana de Vega de Oleiros. A túa asistencia e apoio é fundamental.
Grazas de antemán a @pagosdebrigante_ e á @fjuanadevega
Viva o viño de Betanzos”
A asociación ten unha conta en redes sociais: https://www.instagram.com/avibe_org/

