IXP Terra de Betanzos
Oitocentos anos de historia acumula a Betanzos actual desde aquel febreiro de 1219 no que o rei Afonso IX autorizou a veciñanza a cruzaren o río Mandeo desde San Martiño de Tiobre e ocuparen o castro de Untia para acabar converténdose nunha das sete cidades do Antigo Reino de Galicia. E no berce dese Mandeo, e de seu afluente o río Mendo, despréganse os vales que acubillan e agariman a urbe betanceira. Nas terras deses vizosos vales repousan as castes autóctonas que lle outorgan aos viños da zona as súas características singulares. Un cultivo, o do viño, que ten raíz en Betanzos xa desde o medievo, con referencias documentadas sobre regulamentos de produción e tempos de vendima xa na altura do s.XVI.
No aloumiño das suaves temperaturas e á luz das orientacións que o discorrer da auga lle ofrece aos bancais vitícolas desta área, coa práctica artesanal da sabedoría familiar herdada ao longo de xeracións, desenvólvese o potencial enolóxico da actual Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Betanzos.
A influencia atlántica determina unha moderación das temperaturas que, na opinión dos expertos, é especialmente significativa nos períodos de máxima vexetación da vide. Son viñas plantadas en solos francos e profundos, con condicións de luz e temperatura que condicionan as graduacións alcohólicas e os valores de acidez e outorgan a súa singularidade aos viños.
Área xeográfica
A zona amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Betanzos, en espazos exclusivamente na provincia da Coruña, está constituída polas terras aptas para a produción de uva dos concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, así como das parroquias de Abegondo, Cabanas, Cerneda, Cos, Cullergondo, Leiro, Limiñón, Mabegondo, Meangos, Montouto, Presedo, Sarandóns, Vilacoba e Viós no concello de Abegondo; das parroquias de Bandoxa, Cis, Cuíña, Mondoi, Oza, Porzomillos, Reboredo, Salto e Vivente do concello de Oza dos Ríos e das parroquias de Osedo e Soñeiro do concello de Sada.
Uvas cultivadas
En viños brancos, recomendadas:
- Godello
- Branco lexítimo (Albarín branco)
- Agudelo (Chenin blanc)
En viños brancos, autorizadas:
- Palomino
En viños tintos, recomendadas:
- Mencía
- Brancellao
- Merenzao
En viños tintos, autorizadas:
- Gran negro
- Garnacha tintureira
Tipos de viños amparados:
- Brancos e tintos, elaborados cun mínimo do 60% de uvas das variedades consideradas como recomendadas.
- A graduación alcohólica mínima dos viños monovarietais é do 11% en volume e no resto dun 10%.
Características dos viños brancos
- Viños lixeiros, de graduacións alcohólicas moderadas.
- Presentan unha cor amarela pálida, con reflexos verdosos, nun abano que vai dende a cor amarela dourada pálida ata o amarelo limón.
- Os seus aromas expresan froita e florais.
- O seu sabor en boca é lixeiro e fresco, con toques lixeiramente ácidos finais e amosan un postgusto persistente.
Características dos viños tintos
- Viños lixeiros, de graduacións alcohólicas moderadas.
- Presentan cores de intensidade media, nun abano de vermello-cereixa a vermello-cereixa escuro con reberetes violáceos.
- Expresan aromas a froitos do bosque.
- O seu sabor é suave, con estrutura e persistencia medias, paso suave e lixeiramente tánico.
Marco xurídico
- A creación da IXP Viños da Terra de Betanzos está definida pola Orde de 8 de novembro de 2000 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia (DOG nº 224, do 20/11/2000), que estabelece as condicións básicas que deben cumprirse para acollérense a esta denominación os viños producidos na zona, así como as posteriores modificacións lexislativas recollidas no Diario Oficial de Galicia.
- Orde do 21 de decembro de 2006, da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia (DOG nº 2 de 03/01/2007)
- Orde do 28 de abril de 2008, da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia (DOG nº 89 de 09/05/2008)
- Orde do 1 de febreiro de 2012 da Consellería do Medio Rural e do Mar (DOG num. 31, do 14/02/2012)
Prego de condicións
- Preme para descargar pdf
Ficha técnica máis recente (AGACAL, 2023)
- Preme para descargar pdf
Rexistros de actividade e produción (datos a 31 de decembro de 2023)
- Superficie en produción: 6 ha
- Viticultores: 7
- Industrias: 6
Volume de actividade 2023
- Produción uva: 26.064 kg
- Viño cualificado : 7.747 l
- Valor económico estimado: 33.000 €