Os viños da Coruña
Do aloumiño que o abrazo atlántico deita sobre as comarcas de Betanzos, Barbanza e Terras de Iria xorden viños extraordinarios.
#ViñosdaCoruña axúdache a coñecer e afondar nestas propostas excepcionais e saborosas para elevar a túa experiencia gastronómica ao mellor nivel e acompañar o gozo dos mellores pratos con viños tan singulares como deliciosos.
Son a día de hoxe unha decena de iniciativas enolóxicas activas, e algunha máis en proxecto, de diferentes dimensións e graos de profesionalización, pero caracterizadas todas por unha ambición común: o compromiso coa excelencia e o obxectivo de espremer os atributos e peculiaridades excepcionais das castes de uva cultivadas na provincia.
Unha arela na que comparten protagonismo as vides, as propiedades distintivas que adquiren nas terras coruñesas onde son cultivadas e o traballo entregado dos adegueiros, baseado no esforzo, a honestidade e a aposta por unha innovación que non esquece a sólida raíz das tradicións familiares de longo alento.
#ViñosdaCoruña reúneas todas neste espazo, onde poderás atopar todos os datos sobre as dúas indicacións xeográficas que acolle a provincia, a Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Betanzos e a Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria. Inclúe tamén unha referencia menos coñecida para o gran público: a Ribeira do Ulla, a subzona máis recente da Denominación de Orixe das Rías Baixas, estabelecida no ano 2000, e que ten tamén localizacións na provincia da Coruña, en concreto nos concellos de Boqueixón, Padrón, Teo, Touro e Vedra.
Na plataforma #ViñosdaCoruña poderás atopar todos os datos das adegas integradas nestas IXP e DO, ademais de información actualizada sobre os viños que están producindo, referencias sobre a súa comercialización, entrevistas cos adegueiros, fotografías e vídeos divulgativos.