“Ao principio fuxín do mundo do viño, pero regresei a el con outra visión”

En Paderne aténdenos José Luís Bouzón Beade, quen leva a adega fundada por seu avó José Antonio.

Quen e cando funda a adega?

Fúndase no ano 2000 polo meu avó, José Antonio Beade Vázquez

Como chegaches ao mundo do viño?

Meu avó traía uva de Castilla (de Salamanca) para a elaboración de viño de mesa. Eu estudei sommelier e entrei en 2013, unha vez que meu avó comezou a ter problemas de saúde e finalmente se xubila.

Lembras a túa primeira vendima?

Foi en 2013 e en 2014 foi a miña primeira elaboración.

Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e os viños?

De pequeno había que traballar na casa obrigado. Ao principio fuxín do mundo do viño e estudei outras cousas, pero regresei a el con outra visión, de recuperación da viticultura.

De que áreas concretas veñen as vosas uvas?

Temos uva de até 12 parcelas. Estamos a facer un traballo de recuperación de bancais con pedra en ladeiras con pendente, a principal onda o Río Mandeo.

Con que variedades de uva traballades?

Branco lexítimo, Agudelo (brancas) Mencía, Roibal (tintas).

Que pensas que diferencia a túa bodega, os teus viños, doutros?

A forma de cultivo sostible, con control dos procesos pero fomentando a fermentación espontánea, sen usar lévedos ou outros produtos. E tamén que traballamos na recuperación de solos con gran potencial.

Como foi a evolución da bodega ao longo do tempo?

Pola forma de cultivar, os desta zona tiñan fama de viños verdes. Agora por iso estamos tentando facer viños máis maduros.

Onde vendedes principalmente a vosa produción?

A través de distribuidores, á restauración, case toda en Galicia especialmente dende a pandemia da Covid-19. Antes vendiamos moito nos Estados Unidos, pero co fomento do produto local notamos que subiron as vendas aquí, sobre todo na Coruña.

Como vedes o futuro? Algún reto concreto no horizonte?

O futuro pasa por cultivar os viñedos. Con máis dificultades: cada vez hai máis abandono do campo, e iso aféctanos a nós tamén. Ademais está o cambio climático que fai que o tempo sexa imprevisible.

Queres recomendarnos algunha maridaxe especial dalgún dos teus viños?

Tanto os brancos como os tintos van mellor con peixes e con carnes brancas, non con carnes fortes.

Política de cookies || Política de privacidade