“Comezamos facendo viño nun garaxe e agora recuperamos variedades case extintas”

Viaxamos ata a parroquia do Araño, en Rianxo, para coñecer o proxecto ‘Cazapitas’.

Quen e cando funda a adega?

Somos tres socios Manuel Calzado e David Riado e mais eu, que tamén facemos viño no Rosal.

Como chegaches ao mundo do viño?

Por un lado, David e mais eu fixemos un ciclo superior de viticultura, e polo outro estaba Manuel, que tiña viñas andaba a buscar alguén que llas traballase. Coñecémonos a través dun programa da Xunta.

Lembras a túa primeira vendima?

Lembro, porque foi en Rías Baixas en 2014 e foi a peor colleita que se recorda na zona dende había 40 anos.

Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e dos viños?

A verdade é que non sei como acabei nisto… eu ía para deseñador gráfico. David e mais eu comezamos facendo viño nun garaxe, nun depósito de cervexa de 50 litros, para probar. Agora estamos a recuperar variedades mínimas que están case extintas, como o Ratiño, ou o Branco Lexítimo.

De que áreas concretas veñen as vosas uvas?

Do lugar de Buía, na parroquia do Araño, da parroquia de Leiro e algo de Catoira. E tamén do Pazo de Fonteneixe de Boiro.

Con que variedades de uva traballades?

Con Albariño, Raposo (Branco lexítimo) e Ratiño.

Que pensas que diferencia a túa adega, os teus viños, doutros?

Somos dos únicos que facemos viño con Ratiño, aínda que moi pouco: 200 botellas. Tamén procuramos vendimar máis cedo, buscando obter un viño con máis acidez e frescura.

Como foi a evolución da adega ao longo do tempo?

Lenta. E dificultosa. O que podo dicir é que o que fixemos nós é imposible de facer: non se pode montar unha adega de cero, sen ter viñas nin ter nada. Non nos deron nin un euro de subvención, e así é case imposible montar algo dende cero.

Onde vendedes principalmente a vosa produción?

En Galicia, en Cataluña e nos Estados Unidos.

Como ves o futuro?

Continuamos con esperanza e pelexando por que se faga unha plantación grande conxunta con outras adegas da zona de Ratiño e de Raposo para poder aumentar a produción. Era unha medio promesa do Concello, pero… De momento, mirando para o pasado, gústanos xuntar a viña coa Historia. Por exemplo, “O Peruco” é unha homenaxe ao casco de ouro (datado entre o ano 1000 e o 800 a. C. que se exhibe no Castelo de San Antón da Coruña) que atopou en Leiro o avó da muller de David (José María Vicente Somoza), que é o propietario canda a súa muller Concha do viñedo onde se cultiva o Ratiño.

Queres recomendarnos algunha maridaxe especial…?

O Raposo, que ten máis acidez iría cos clásicos peixes e mariscos. O “Fonteneixe”, como ten máis corpo, podería ir con calquera tipo de comida, tamén aves e arroces. O Ratiño nós dicímoslle que é un “becho raro” porque aínda que pareza mentira, xa que tratamos de vendimalo antes, ten notas de maduración de marmelo, de panal de abella… É un viño que ten dous anos en botella e moito corpo, así que tamén acepta comidas máis alá do marisco e do peixe.

Política de cookies || Política de privacidade