“Dáme moita satisfacción que restaurantes Estrella Michelín leven os meus viños”
Falamos con Manolo Bandín, de Castellum Augusti.

Quen e cando funda a adega Castellum Augusti?
Fúndoa eu, Manolo Bandín, en 2016.
Como chegaches ao mundo do viño?
Meu pai xa o collía; eu seguín coas viñas e agora téñoo un pouco como hobby.
Lembras a túa primeira vendima?
De moi cativo, axudándolle a meu pai, cando aínda se facían no lagar de pedra.
Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e os viños?
Ao ser unha adega pequena, dáme moita satisfacción que restaurantes Estrella Michelín leven os meus viños. Temos viños moi ben valorados: de 2016 ata o día de hoxe, a guía Padín -que eu creo que é unha das mellores de España, aínda que non ten tanta publicidade- deunos a Medalla de Ouro todos os anos. E na Peñín, levamos 91-92 puntos tamén todos os anos.
De que áreas concretas veñen as vosas uvas?
Todas de Cordeiro, de viñas propias.
Con que variedades de uva traballades?
Con Albariño.
Que pensas que diferencia a túa bodega, os teus viños, doutros?
Os viños son distintos entre todos nós, cada un o elabora á súa maneira. Hai, por exemplo, quen fai viño no ano. Os nosos teñen nove meses de maceración sobre lías, e despois un pasa nove meses en botella e o outro 14 meses. O da colleita de 2023 aínda o embotellamos o 23 de agosto e non sairá á venda ata maio ou xuño.
Como foi a evolución da bodega ao longo do tempo?
Primeiro comecei como furancho, despois vendendo viño sen etiquetar e xa cando chegou o rexistro sanitario legalicei a adega. Agora cada vez se vende en máis sitios.
Onde vendedes principalmente a vosa produción?
En Galicia, Menorca, Asturias e algo en Málaga.
Como vedes o futuro? Algún reto concreto no horizonte?
O reto é que o fillo quedara coa adega e eu poder descansar e gozar un pouco.
Queres recomendarnos algunha maridaxe especial dalgún dos teus viños?
O “Pepe Cabanas” bebémolo a diario nós na casa. Tomámolo con carne, con lamprea… Son viños moi feitos os que nós facemos, que levan para maridar en restaurantes de calidade media-alta e véndense só en tendas especializadas e gourmet.