“Dende que teño uso de razón lembro ir ás vendimas”
N’A Pobra do Caramiñal e na altura dos seus máis de oitenta anos, Francisco Crusat cóntanos da Adega Entre os Ríos.

Quen e cando funda a adega Entre os Ríos?
Fundeina eu, Francisco Crusat, que vou facer 82 anos.
Como chegaches ao mundo do viño?
Na miña casa por parte de miña nai había tradición viticultora.
Lembras a túa primeira vendima?
Dende que teño uso de razón lembro ir ás vendimas en setembro á casa das miñas tías-avoas, porque antes as clases non comezaban ata outubro.
Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e os viños?
Lembro algunha vendima de cando os viñedos foran afectados polo mildiu, que sentín como perder vida. Tamén de cando de cativo pasaba a noite enteira vixiando a destilación do bagazo para a augardente, controlando que o lume nin fose moi alta nin se apagase.
De que áreas concretas veñen as vosas uvas?
Das que producimos na Pobra do Caramiñal, e doutras que compramos en Boiro, Ribeira, Dodro e Valga.
Con que variedades de uva traballades?
Albariño, Branco lexítimo ou “Raposo”, Caíño (brancas) e Mencía (tinta).
Que pensas que diferencia a túa bodega, os teus viños, doutros?
Na zona estamos todos moi unidos e coordinados. Cada un ten as súas especialidades. Nós temos os matices que dan os nosos albariños de catro anos, e temos despois os Komokabras: o Verde, sobre lías durante dous anos; o Amarillo, con nove meses en madeira de carballo; e o Naranja, oito meses en ánfora tal e como facían os fenicios.
Como foi a evolución da bodega ao longo do tempo?
O primeiro viño facíao para min, para a miña e para os meus amigos. Como despois non tiña tantos amigos para todo o viño que producía, comecei a comercializalo. Máis tarde organizámonos na zona orixinalmente baixo o nome de Asociación de Viticultores e Adegueiros de Arousa Norte.
Onde vendedes principalmente a vosa produción?
O 50% ou máis vai para o estranxeiro, principalmente ao Xapón, aos Estados Unidos, ao Reino Unido e a Irlanda, e tamén en menor medida a outros países europeos. En España, a través dunha distribuidora especializada en adegas pequenas con viños de alta calidade.
Como vedes o futuro? Algún reto concreto no horizonte?
Actualmente estamos no límite de ser unha empresa familiar. Agora estoulle cedendo o traballo a meu fillo Jose, e o obxectivo é adquirir seis hectáreas para poder ser empresa profesional e contar cun especialista enólogo. E en dez anos queremos chegar a producir 100 mil botellas. Tamén estamos experimentando con viños novos, como o Komokabras K-iño (de Caíño) ou un escumoso.
Queres recomendarnos algunha maridaxe especial dalgún dos teus viños?
Os nosos albariños son viños frescos que combinan moi ben con case todos os pratos, agás excepcións como a caza, xa que non temos ese tipo de tintos. Van ben con marisco cru, peixe, caldeiradas e aves e carnes suaves.