“Imos certificar toda a nosa produción como ecolóxica”

En Betanzos falamos con Luís Sande, á fronte de Pagos de Brigante.

Quen e cando funda a adega?

Fundeina eu, na primavera de 2018.

Como chegaches ao mundo do viño?

Eu son xubilado da Administración Pública. Actualmente somos meu fillo, Luis Sande Lage, e mais eu os que estamos á fronte.

Lembras a túa primeira vendima?

Foi en 2020, no ano da pandemia da Covid. Nestes primeiros anos contratamos un especialista francés para que nos asesorase.

Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e os viños?

Lembro que, curiosamente, malia ser a primeira vez e as circunstancias todas dese ano, os viños saíron fabulosos.

De que áreas concretas veñen as vosas uvas?

Das parroquias de Tiobre, Brabío e Requián, no Concello de Betanzos, e das de Quintas e Souto, no de Paderne.

Con que variedades de uva traballades?

Con oito variedades: Branca lexítima, Godello, Agudelo, Palomino fino (brancas) e Mencía, Serradelo, Garnacha tintureira e Roibal (tintas).

Que pensas que diferencia a túa adega, os teus viños, doutros?

Somos dos últimos en chegar e, ao contrario que outros compañeiros da zona, temos unha estrutura empresarial. Ademais temos posibilidades de investir e non temos présa por obter resultados, queremos facer bos viños. Tamén temos máis superficie de viñedos que o resto, polo que producimos máis viño que os demais. Os nosos coido que son viños máis afiados, con maior acidez, de carácter máis marcado. E por outra banda, coidamos tamén de maneira especial a imaxe gráfica, con etiquetas vintage deseñadas especialmente para os nosos viños.

Como foi a evolución da adega ao longo do tempo?

Estamos centrados nos últimos tempos en certificar toda a nosa produción como ecolóxica, algo que xa se dá na práctica a falta de cumprir cuns poucos trámites máis.

Onde vendedes principalmente a vosa produción?

Temos un distribuidor para a Coruña e Ourense, e en lugares como Santiago de Compostela ou Betanzos vendemos directamente en tendas especializadas ou de delicatessen. Ademais, fixemos algo de exportación a países como Dinamarca ou o Xapón.

Como ves o futuro?

Contamos que este ano haxa unha produción moi reducida por cuestións climáticas. A medio prazo estamos á agarda de que “Picha”, o viñedo histórico que estamos a recuperar teña máis produción. De feito contamos coa axuda do programa ECOSPHEREWINES da UE para a recuperación deste terreo en harmonía coa natureza; queremos que sexa algo máis que un viñedo e temos previsto plantar froiteiras, poñer colmeas e instalar pequenas cabanas nas que pasar a noite. Plantar 10 hectáreas é duro, e queremos ir con calma e facer as cousas ben.

Queres recomendarnos algunha maridaxe especial…?

Os nosos viños teñen un carácter mariño, de salinidade. É por iso que casan ben con todo tipo de peixes brancos. Pero especialmente recomendaría os nosos godellos para tomar con percebes ou, tamén, con comidas de autor ou asiáticas.

Política de cookies || Política de privacidade