“Meu pai, Antonio de Xirpín, destacou pola súa loita para recuperar o Raposo (Branco lexítimo)”

En Boiro aténdenos Jorge Saborido, fillo do fundador e quen lle dá nome ás “Bodegas Antonio Saborido”.

Quen e cando funda a adega?

Fundouna en 2007 meu pai, que faleceu a pasada primavera.

Como chegaches ao mundo do viño?

Quen levaba a adega era meu pai, Antonio Saborido López (coñecido como Antonio de Xirpín). El era mariñeiro, mais cando por problemas do corazón tivo que deixar o mar entrou no mundo do viño dunha maneira máis profesional. Ademais, destacou pola súa loita para recuperar o Raposo (o Branco lexítimo).

Lembras a túa primeira vendima?

Lembro dende moi cativo que eran familiares. Xuntabámonos todos: pais, fillos, tíos, sobriños…

Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e dos viños?

Meu pai sempre dicía que non quería facer un viño comercial, que sempre fose igual, senón un de autor, máis persoal.

De que áreas concretas veñen as vosas uvas?

Principalmente da parroquias do Castro, en Boiro.

Con que variedades de uva traballades?

Raposo (Branco lexítimo), Albariño e algo de Treixadura (brancas); Caíno e Mencía (tintas).

Que pensas que diferencia a túa adega, os teus viños, doutros?

As viñas están moi pegadas ao mar, polo que teñen esa acidez do Atlántico. Ademais temos unha gran produción de Raposo.

Como foi a evolución da adega ao longo do tempo?

Foise profesionalizando, coa adquisición de prensas pneumáticas e de máis viñas, que nos permitiron aumentar considerablemente a produción, aínda que agora volveu baixar.

Onde vendedes principalmente a vosa produción?

Principalmente no Barbanza e en Santiago de Compostela.

Como ves o futuro?

Co falecemento de meu pai, estamos aínda valorando que decisión tomar con respecto a adega.

Queres recomendarnos algunha maridaxe especial…?

O Miúdo é un viño para a xente que lle gusta moito o viño. É forte e vai ben con carnes potentes.

Política de cookies || Política de privacidade