“Meu pai xa coidaba as vides e ademais a uva e o viño forma parte da nosa cultura”
Na parroquia de Sarandós, en Abegondo, ten a súa sede Adega Bordel. Falamos con Xosé Antonio Meixide.

Quen e cando funda a adega Bordel?
Fundámola a miña muller e mais eu en 2010.
Como chegaches ao mundo do viño?
Na década de 1990 comecei a formarme en enoloxía e cando saíu a IXP decidimos que era o momento de sacar adiante unha iniciativa, que agora supón xa case unha hectárea.
Lembras a túa primeira vendima?
Foi en 2010 que recollemos as primeiras uvas.
Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e os viños?
A uva sempre formou parte das nosas vidas, non só para facer viño. Había vides como quen tiña cerdeiras… Meu pai xa as coidaba e ademais forma parte da nosa cultura. Eu veño do mundo do ensino e da Administración e fun vendo a importancia que ten o sector.
De que áreas concretas veñen as vosas uvas?
De Sarandós, que está no límite da IXP, a 200 metros de altura.
Con que variedades de uva traballades?
Branco lexítimo, Godello Agudelo (brancas) Mencía (tinta)
Que pensas que diferencia a túa bodega, os teus viños, doutros?
Cada un temos a nosa escola, aínda que todos nos movemos nas mesmas castas. E ao igual que a uva albariño éo do Atlántico Sur, a branco lexítimo é a máxima expresión do Atlántico Norte. Pero, claro, non é o mesmo estar no alto en Sarandós ou Paderne que estar na Ría de Betanzos. Pero cada finca é un mundo.
Como foi a evolución da bodega ao longo do tempo?
Este ano comezaremos a ter case media hectárea máis en produción. Pasaremos a case unha hectárea, e aquí quedaremos nesta xeración.
Onde vendedes principalmente a vosa produción?
Vendemos a través dun comercial que se move principalmente polas zonas da Coruña, da Costa da Morte, de Santiago de Compostela e de Vigo; e tamén pola zona do Mediterráneo.
Como vedes o futuro? Algún reto concreto no horizonte?
Hai que afinar moito para ter uva todos os anos, especialmente en zonas como a nosa que é límite e dependemos tanto da climatoloxía. Ademais, dígoo eu que coñezo a Administración, hai moita burocracia para poñer catro uvas.
Queres recomendarnos algunha maridaxe especial dalgún dos teus viños?
Estes viños brancos teñen bastante acidez e son apropiados para todo tipo de comidas. Eu creo que xa non se diferencia tanto entre viños brancos e tintos segundo sexa para peixe ou carne.