“Temos o único espumoso da zona, e levamos ao mercado o primeiro viño doce natural”

En Bergondo aténdenos Ricardo Rilo, terceira xeración á fronte da adega familiar.

Quen e cando funda a adega Rilo?

Eduardo Rilo Martínez, en 1946, que tiña unha tenda de ultramarinos e foi evolucionando cara ao mundo do viño.

Como chegaches ao mundo do viño?

Cheguei por tradición familiar.

Lembras a túa primeira vendima?

Foi arredor do ano 2000, coa chegada da IXP, pero antes xa vendimabamos para facer viño para a casa.

Algún recordo especial na túa vida á beira das vides e os viños?

Lembro ir con meu pai os sábados e domingos e andar xogando polo medio das barricas.

De que áreas concretas veñen as vosas uvas?

Temos unha parcela en San Martiño de Babío, que é a maior, de arredor de 2 hectáreas. Aí temos 90% de branco lexítimo e 10% de godello. Despois temos uvas doutras parcelas en alugueiro.

Con que variedades de uva traballades?

Branco lexítimo, Godello e Agudelo (brancas) e Mencía (tinta)

Que pensas que diferencia a túa bodega, os teus viños, doutros?

As formas de elaboración. Aínda que está fóra da IXP, temos o único espumoso da zona, e levamos ao mercado o primeiro viño doce natural.

Como foi a evolución da bodega ao longo do tempo?

Sobre todo no que é modernización de maquinaria e de adaptarse ao mercado, porque se non te adaptas acabas morrendo. Pasouse de vender o viño en barrís ao bag in box de 15 litros e despois a embotellalo a partir do 2000 coa IXP.

Onde vendedes principalmente a vosa produción?

Á hostalería da zona da Coruña, Ferrol, Sada…

Como vedes o futuro? Algún reto concreto no horizonte?

Incerto, porque os datos certifican que hai un descenso do consumo do viño. E despois coa disxuntiva de se é mellor centrarse en facer viños máis elaborados e caros ou outros máis económicos, porque non se sabe con certeza como vai evolucionar o consumo.

Queres recomendarnos algunha maridaxe especial dalgún dos teus viños?

Son viños atlánticos e como tal van ben con calquera marisco ou peixe lixeiro. Nós temos dúas liñas, unha máis centrada no chateo e outra de viño elaborada en barrica de carballo francés que está pensado para comidas máis pesadas.

Política de cookies || Política de privacidade