IXP Terra de Barbanza e Iria

Da “encantada terra para vivir e gozar”, o “pequeno paraíso” que cantou Rosalía de Castro naquel poema de ‘Follas novas’ onde tamén se loa “Ouh miña parra de albariñas uvas, / que a túa sombra me das! […] / Xa non vos deixo, que as angustias negras / lonxe de min se irán!”, chegan os viños da Terra de Barbanza e Iria.

Unha produción vitícola documentada xa na altura do século XVII e continua ao longo dos séculos nestes solos francos, profundos e permeables. O espazo compartido por esta IXP recibe o alento atlántico xusto e necesario nunha área privilexiada que acariña, por unha parte o encontro do río Ulla co mar na ría de Arousa e doutra banda as pendentes protectoras da serra do Barbanza que abrigan o espazo dos ventos oceánicos máis fortes.

O encontro perfecto a nivel de condicións meteorolóxicas e agronómicas para que abrollen viños de calidade, baseados en variedades autóctonas de longa tradición e na benquerenza e o bo facer de familias que combinan a sabedoría da mellor cultura e práctica tradicional coa investigación e o coñecemento máis recente para extraer todo o potencial vitivinícola deste espazo xeográfico.

Área xeográfica

A zona amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Barbanza e Iria está constituída polas terras aptas para a produción de uva dos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga, así como as parroquias de Camboño, Fruíme e Tállara do concello de Lousame; as parroquias de Iria Flavia e Padrón, do concello de Padrón; e as parroquias de Baroña, Caamaño, Queiruga, Ribasieira, San Pedro de Muro e Xuño, do concello de Porto do Son.

Uvas cultivadas

En viños brancos:

  • albariño
  • caíño branco
  • godello
  • loureiro branco (loureira ou marqués)
  • treixadura
  • branco lexítimo (albarín blanco)
  • agudelo (chenín blanco)
  • torrontés

En viños tintos:

  • brancellao
  • caíño tinto
  • espadeiro
  • loureiro tinto
  • mencía
  • merenzao
  • sousón

Tipos de viños amparados:

  • Elabóranse viños brancos e tintos.
  • Os monovarietais deben ter unha graduación alcohólica mínima do 11% vol.
  • Os restantes viños deberán ter unha graduación alcohólica mínima do 10% en volume.

Características dos viños

  • Os viños obtidos son lixeiros, limpos, brillantes, con equilibro, harmonía e boas características de conservación, e con graduacións alcohólicas moderadas.
  • Cunha cor intensa na fase visual.
  • Con aromas francos, nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden
  • Con aromas florais e de froitas.
  • Na boca son suaves, frescos, saborosos e equilibrados e ao final con pequenos toques de acidez.

Marco xurídico

  • A creación da IXP Viño da Terra de Barbanza e Iria está definida pola Orde do 11 de decembro de 2006 da Consellería de Medio Rural (DOG nº 241 do 18/12/2006) (e corrección de erros do 7 de febreiro de 2007). A regulamentación e modificacións posteriores está recollida nas seguintes ordes.
  • Orde do 11 de decembro de 2006 da Consellería de Medio Rural pola que se recoñece a indicación xeográfica Viño da Terra de Barbanza e Iria e se establecen as normas de utilización nos viños de mesa producidos nesta área xeográfica (DOG núm. 241 do 18.12.2006, corrección de erros no DOG núm. 27, do 7.02.2007). Modificada por: Orde do 28 de abril de 2008 (DOG núm. 89, do 9.05.2008) e Orde do 1 de febreiro de 2012 (DOG núm. 31, do 14.02.2012).

Prego de condicións

Ficha técnica máis recente (AGACAL, 2023)

Rexistros de actividade e produción (datos a 31 de decembro de 2023)

  • Superficie en produción: 8,5 ha
  • Viticultores: 12
  • Industrias: 5

Volume de actividade 2023:

  • Produción uva: 61.912 kg
  • Viño cualificado : 29.885 l
  • Valor económico estimado: 126.000 €

 
Política de cookies || Política de privacidade